O Concello de Soutomaior destaca “a calidade e frescura” do produto, do que se venderán preto de 100.000 unidades na fin de semana do 6 e 7 de abril. As actividades comezarán o venres, cunha homenaxe a Consuelo Vilán, recentemente xubilada e que durante 30 anos foi presidenta da Asociaicón de Mariscadoras de Arcade.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, salienta “o esforzo” dos ostricultores da zona para ofrecer un produto da “máxima calidade” a prezos competitivos. O sábado ás 12.00 horas abriranse no peirao de Arcade as casetas de degustación, que ofrecen ostras ó natural, en empanada e en escabeche, a un prezo de 5€ a ración. Pola tarde haberá actividades para os máis pequenos no recinto exterior do Multiusos a partires das 17.00 horas, cun inchable e obradoiros en colaboración coa empresa Gas Natural. A verbena comezará ás 22.00 horas coas orquestras Solara e Tango, e a media noite realizarase a tradicional tirada de foguetes artificiais. O domingo, xornada na que tradicionalmente se despraza máis público a Arcade, a apertura das casetas de degustación será ás 10.00 horas, e unha hora máis tarde comezarán os pasarrúas a cargo da Banda de Música Cultural e a Agrupación Musical Artística de Arcade. O cociñeiro Benigno Campos, do programa da TVG Larpeiros, será o encargado de ler o pregón da festa ás 13.00 horas.