Unha patrulla da policía local regula dende o pasado luns o tráfico na confluencia das rúas Paseo da Xunqueira, José Regojo e Pai Crespo, logo de que a empresa FCC encargada das obras de rehabilitación do viaduto Madrid instalara no lugar unha estada que está a complicar a circulación.
Os autobuses están a ser os máis afectados polas restriccións no tráfico que implica a colocación da estada neste tramo da vía. Así, estes vehículos non poden saír directamente dende o Paseo da Xunqueira cara Vigo, senón que teñen que dar un rodeo previo xirando cara a esquerda para dar a volta na praza da Farola e dende aí xa dirixirse en dirección Vigo.
Ademais non se pode acceder ao Paseo da Xunqueira polo que de xeito permanente unha patrulla da policía local permanece no lugar para informar aos condutores e regular a circulación comprobando que se respeten as novas prohibicións.
A estada colocouse o pasado luns no lugar e a empresa FCC, encargada das obras de rehabilitación do viaduto antigo de Redondela contan con retiralo esta mesma semana.
Con todo, a actuación promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio e que conta cun orzamento de 3’8 millóns de euros, continuará nos vindeiros meses. O obxectivo é recuperar e reforzar a estrutura para devolvela ao seu estado orixinal e poder retirar a rede que dende hai tres anos rodea o viaduto co obxectivo de evitar que se produzan desprendemento á vía pública co conseguinte perigo para peóns e vehículos.