Dous plenos suspendidos e un terceiro celebrado ás oito da mañá e con ausencia dos membros da oposición logo do desaloxo policial dos afectados polas preferentes é o balance das últimas convocatorias plenarias. E con eses precedentes o goberno local convoca para mañá ás 20:00 horas unha nova sesión na que debería tomar posesión do seu cargo o edil Julio Alonso Monteagudo en substitución de Alberto Pazos.
Dentro da orde do día inclúense outros puntos como a aprobación da ordenanza reguladoras das terrazas na vía pública ou da normativa que debería regular a actividade dos fúranchos. Asuntos aos que habería que engadir as mocións e as comparecencias solicitadas polos grupos da oposición. Con todo, a celebración deste pleno pende dun fío e dependerá de dúas cuestións. Por unha banda da actuación dos afectados polos preferentes que nos últimos meses están a rebentar a totalidade dos plenos que se convocan nos diferentes concellos gobernados polo PP. De feito Carlos Igrexas, dende a Plataforma comarcal, xa anunciou que a súa presenza neses plenos “é o único xeito que teñen de presionar para tentar que se lles dea unha solución” polo continuarán coas súas mobilizacións e incluso poderían radicalizarse logo de coñecerse días atrás as quitas que van sufrir os aforradores. Con todo, a sesión podería chegar a celebrarse no caso de que o alcalde decida desaloxar a sala tal e como xa fixo no pleno do pasado 12 de marzo. Naquela ocasión o debate celebrouse coa presenza tan só dos concelleiros populares logo de que os edís da oposición decidisen abandonar a sala tralo desaloxo por parte da policía dos veciños que pretendían boicotear a sesión. Críticas polas convocatorias A na véspera da celebración do pleno dende AER denuncian o que cualifican de “funcionamento opaco e antidemocrático do equipo de goberno” pola tardanza coa que reciben as convocatorias das comisións informativas que segundo explican lles deixan moi pouco tempo para consultar toda a información, difundila entre os seus membros e adoptar unha decisión conxunta á hora de dar o voto. Critican tamén que as convocatorias se fagan en horarios nos que o seu representante non pode acudir por cuestións laborais e que se neguen a cambiar o horario para facilitar así a súa presenza. Aseguran non entender como o resto dos grupos da oposición non amosan tamén a súa disconformidade con este funcionamento que “facilita na maioría dos casos que o goberno local leve adiante as súas propostas con pouca transparencia e sen facilitarlle o traballo á oposición ao non proporcionar con carácter previo a información necesaria”. Nestas críticas fan unha salvidade xa que segundo apuntan “a concelleira Ana Alonso é a excepción da regra, pois procura facilitar con antelación o traballo que leva feito antes das comisións”.