A compañía Pingateatro está detrás deste “experimento teatral” que permite ao espectador acceder a un total de seis obras de teatro así como á presentación do libro “Monicreques”. Será os días 12, 13 e 14 de abril no Multiusos da Xunqueira con actuacións en horario de mañá e tarde. Os prezos axústanse á demanda do usuario con bonos para todas as funcións por 16 euros, entrada xeral a 5 ou seis euros ou descontos especiais a familias e grupos.
O director de Pingateatro, Mikel Condal está detrás desta iniciativa que permitirá aos espectadores redondeláns achegarse a diferentes propostas teatrais nesta fin de semana. Obras feitas e producidas en Galicia, agás de “Caso 315” que pocede de Madrid, conforman un cartel que arrancará na noite do venres coa obra Ego orientada ao público adulto. Fran Paredes encarna aquí a un pintor que pechado no seu estudo fai repaso da súa vida sacando o eu máis egoísta, ás veces perverso ás veces infantil e manipulador ou contradictorio. O sábado o pano levantarase xa de mañá con “Kamishibai” teatro tradicional xaponés que nos amosa outro xeito de contar que se poderá ver ás 12:30 horas. Xa pola tarde haberá tamén función infantil ás 18:30 horas coa obra “O bufón do reino” orientada a un público infantil a partir dos cinco anos. As 20:00 horas Xosé Daniel Costas presentará o libro Monicreques e ás 21:30 horas dará inicio o “Caso 315”, única das obras non galega e na que o actor Juan Díaz interpreta a un guerrilleiro da selva nicaragüense. Un monólogo antimilitarista que nos recomenda encarecidamente Mikel Condal. O domingo a proposta matinal correrá a cargo de “O recuncho dos contos”, unha dramaturxia onde non faltarán os xogos e as cancións dirixidos ao público familiar. A obra “Hámster” con Alba Bermúdez e David Novas baixo a dirección de Fran Paredes será a encargada de pechar a mini mostra.