A demanda non é nova aínda que segue sen ter unha resposta satisfactoria por parte do Ministerio de Fomento. Por este motivo, unha vez máis todos os grupos secundaron a moción do BNG para instar ao departamento de Ana Pastor que mellore a seguridade nesta estrada que une Redondela con Peinador así como o seu traspaso á titularidade autonómica
As queixas dos veciños polos perigos da estrada que une Redondela con Peinador son continuas nos últimos anos, principalmente polo risco que supón para vehículos e peóns circular por unha estrada cunha elevada densidade de tráfico, curvas perigosas e que carece de arcéns e beirarúas na maior parte do seu trazado. A cuestión que reviste maior gravidade reside no evidente risco para os peóns que utilizan a diario a estrada, motivo polo que demandan do Ministerio que se leven a cabo as obras necesarias de mellora viaria ao longo do seu trazado dotándoa de sinalización, beirarrúas, canalizacións, cruzamentos, mellora na visibilidade e pasos de peóns. Os nacionalistas lembran que mesmo a ubicación de paradas de autobús tanto escolar como de transporte público se realizan na propia calzada, o que volve a poñer en risco a seguridade viaria para os usuarios.Unha vez realizadas ditas obras, solicitan que o Ministerio de Fomento transfira a competencia da estrada N-555 á administración galega. Dende o Bloque, Xoán Carlos González lembra que ese cambio de titularidade suporía importantes beneficios para os veciños de Vilavella, Cedeira, Negros, Cabeiro e Vilar pois se reduciría a metade o ancho de afección do vial e habería un menor tráfico pesado. A moción do BNG foi aprobada por unanimidade, tamén co apoio do PP quen aseguraron ter negociado xa con Fomento a mellora da vía así como o cambio de titularidade que non é posible porque “o ministerio está disposto a ceder o vial tal e como está sen ningún tipo de mellora previa por carecer de cartos para afrontar a obra, e a Xunta non está disposta pola súa banda a asumir a estrada no estado no que se atopa”.