A feira do gando acolle este venres ás 22:00 horas o concerto do que sairá o gañador do VI concurso de Maquetas Millo Verde. Os finalistas son os grupos Os Mordecáns, a Banda de Andrelo e Seper. O prezo da entrada é de 3 euros con dereito a voto.
Os organizadores do Concurso amosan a súa satisfacción logo de superar este ano a participación de edicións anteriores cun total de 47 maquetas de todos os estilos. Os finalistas de entre os que este venres se elixirá o gañador son tres: a banda de Andrelo, un grupo procedente de Vigo que ofrece no seu repertorio temas nos que mesturan funk con ska e rumba catalana, Os Mordecáns de Porto do Son grupo que define a súa música como “rumba catalana con influencia de ritmos latinos e mestura doutros estilos como o reggae, o funky ou o ska. O terceiro aspirante ao premio é Seper, un mozo de Vilaboa que ofrece música tranquila mestura de reggae e rap. Complétase o concerto coa actuación do grupo local “Sete cuncas” que actuarán fora de concurso amenizando a espera ata que se coñeza o gañador deste edición. A entrada ao concerto curta 3 euros máis vaso e outorga ao público dereito ao voto. Os ganadores do concurso ademais de participar no Festival Alternativo Millo Verde que se vai celebrar os días 7 e 8 de xuño en Redondela, recibirán ademais como premio 300 euros en metálico. Dende a Asociación Millo Verde teñen practicamente pechado o que será o festival do verán con presenza de oito grupos entre os que xa están confirmados Güintervan, os holandeses The Bucket Boyz ou os galegos Foxy Freire entre outros. O festival Alternativo celebrarse este ano os días 7 e 8 de xuño e no programa inclúense actividades ao aire libre que se desenvolverán na Alameda e no río Maceiras.