Nesta temporada o equipo redondelán “está a superar todas as expectativas”, tal como recoñece o propio adestrador, Jacobo Montes. O obxectivo da permanencia está acadado hai xa tempo, e agora a ollada está posta no ascenso a Terceira, xa que están a tan só un punto do segundo clasificado e a catro do líder. Quedan cinco xornadas e a próxima cita será diante dun duro rival, o Arousa.
O Choco é o 4º clasificado na táboa, está situado entre os máis fortes da Preferente Sur e os resultados desta segunda volta son inmellorables. Coa vitoria do pasado domingo sobre o Mondariz suman oito xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, uns resultados que Montes atribúe “ao traballo diario” e “ao esforzo dos xogadores”. Recoñece que esta situación é “un soño” e agora o obxectivo é dar o salto ó ascenso. Quedan cinco xornadas para que remate a liga e os redondeláns teñen moitos opcións, aínda que o calendario desta recta final “será duro”, tal como recoñece o técnico. A primeira cita será o domingo diante do Arousa, equipo que Montes coñece ben e que tamén loita polos postos de ascenso. Para o adestrador o partido no campo da Lomba será “moi igualado” e o resultado decantarase do lado de aquel que teña máis acerto de cara a portería. O resto de citas do Choco nas últimas xornadas serán como locais diante do Ribadumia e o Gondomar e como visitante co Pontevedra B e o Marín.