Os proxectos de ampliación para a autoestrada son cualificados polo presidente da Asociación de Empresarios José Antonio Gómez de “despropósito” sobre todo nun momento no que está “a diminuír claramente o tráfico que pasou de 60.000 a 15.000 vehículos”.
Os empresarios rexeitan tanto a ampliación na súa totalidade, dende o Morrazo a Vigo, como o proxecto defendido dende os populares galegos que pasa por ampliar tan só o tramo da Ponte sen engadir un terceiro carril ao seu paso por Chapela. Unha actuación esta última que Gömez cualifica de “carente de sentido común” porque ampliar a Ponte e non facelo no resto dos accesos “fará que o embotellamento na entrada de Vigo sexa aínda peor”. Por este motivo a posición defendida dende esta asociación é a construción da A-57 como alternativa gratuíta a AP-9 así como o soterramento da autoestrada na parroquia redondelá ou o seu cambio de trazado. Finalmente Gómez apunta a inxustiza que se está a cometer con esta parroquia xa que os proxectos de ampliación da autoestrada “impiden o desenvolvemento de Chapela”.