Será o club galego con máis representación na proba estatal, que se celebra o próximo fin de semana en Camargo, Cantabria. Na proba autonómica disputada onte en Vilaxoán fixéronse coa primeira praza na categoría Xuvenil Masculina, a segunda en Absoluta Feminina e a terceira en Promesa Feminina e Absoluta Masculina.
Baixo un forte vento racheado disputáronse as finais do Campionato de Galicia de bateis fronte aos peiraos do porto de Vilaxoán, cun gran ambiente e moita presenza de afeccionados. Samertolaméu foi o único que repetiu adxudicándose as dúas categorías absolutas en mulleres e masculinos. Chapela fíxose coa primeira posición na xuvenil masculina, e o resto de vitorias foron repartidas entre Cabana Ferrol, Mecos, Cabo Cruz, e Perillo. Deste campionato autonómico o tres primeiros de cada categoría gañaban unha praza para estar no Campionato de España a próximo fin de semana en Camargo, Cantabria. Os resultados do C.R. Chapela son inmellorables, ao conseguir colocar para Camargo a catro dos seus cinco equipos presentados: promesa e absoluto femenino, e xuvenil e absoluto masculino. Mecos clasificou tres, con dous equipos cada un estarán Náutico Vigo, Tirán, Amegrove e Samertolaméu e cun Cabana Ferrol, Ares, Robaleira, Cabo Cruz, Esteirana e Perillo. En infantís a regata foi moi disputada, cunha chegada pechada entre Cabana Ferrol e Ares cun segundo xusto entre ambos. Tamén en cadetes gañou Mecos seguido a tres segundos por Náutico de Vigo e en xuvenís en que a vitoria lla levou Chapela con Esteirana e Amegrove ao seu ronsel. Na categoría absoluta, Samertolaméu foi un claro campión seguido de Tirán que fixo unha remontada fenomenal arrebatándolle a Chapela a segunda praza e cruzando a meta ambos nun pechado sprint. E na categoría feminina vitoria ampla e cómoda de Samertolaméu en absolutas, seguida de Chapela e Tirán. As promesas de Perillo sorprenderon mellorando a súa actuación do sábado e gañaron con claridade a Náutico Vigo e Chapela que lles seguiron a dous barcos, e en xuvenís as campioas foron as atletas de Cabo de Cruz con amplitude e claridade, sacando 15 segundos a Amegrove, segundo, e 21 a Mecos, terceiro.