Retrincos, a Imprenta de Amador, Doble pauta ou Moliere son algunhas das librerías que noso concello intentan sobrevivir malia a crise que está a afectar ao sector e que fai que as vendas teñan caído de xeito imparable nos últimos tempos. Hoxe ofrecen os seus libros cun 10% de desconto nos prezos para animar aos redondeláns a achegarse aos seus establecementos.
É habitual que tanto no Día das Letras Galegas como na xornada que se conmemora hoxe, Día do libro, os libreiros apliquen algún desconto nos seus produtos para tentar festexar a data e animar así aos clientes a achegarse aos seus establecementos. Hoxe maioritariamente aplican un 10% de rebaixa, unha medida que malia todo aseguran que non atrae aos compradores nunha época na que “a venda de libros está moi parada”. De feito, nos últimos catro anos o Barómetro de hábitos de lectura e compra de Libros constata que as vendas teñen caído nun 20%, algo que constatan todos os libreiros consultados. Daniel Hidalgo da librería Retrincos afirma que a crise lles está a afectar de cheo, non só na venda de libros senón tamén de prensa escrita, que ve agravada a situación de retraemento xeral pola competencia das novas tecnoloxías que permite aos lectores atopar toda a información nas edicións dixitais dos xornais. Os libreiros combaten a falta de vendas coa diversificación. Así, os produtos de papelería parece que están a manter o nivel de negocio “ao non sufrir a competencia das novas tecnoloxías e por tratarse de material moitas veces imprescindible para os rapaces” segundo explicaba Dositeo Pérez da Imprenta de Amador. En Redondela a competencia chega tamén dende os grandes centros comerciais, aínda que os prezos dos libros están fixados e o cliente non obtén ningún beneficio por comprar nun ou noutro establecemento, segundo explicaba Pedro Táboas de Moliere Unha celebración a deste 23 de abril que en moitos negocios non se festexa pola súa “escasa repercusión a nivel ventas”. En Doble Pauta, Martín Fernández asegura que nas únicas datas nas que experimentan algún repunte é no Nadal.