Profesores, alumnos e pais súmanse ás convocatorias da Plataforma Estatal pola Escola Pública e protagonizan un peche dende as seis da tarde de hoxe ata as oito da mañá do venres en defensa do ensino público, contra o rescortes e para amosar o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
Estas mobilizacións forman parte dun novo calendario de protestas contra a Lomce e os recortes que concluirán o 9 de maio cunha folga xeral á que están chamados alumnos, profesores, pais e o resto da comunidade educativa. En Chapela os participantes da protesta realizarán unha serie de actividades simbólicas co obxectivo de dar visibilidade as súas queixas. Unha das profesoras do centro, Martina Cordido, explica que a nova lei suporá entre outras medidas a introdución da reválida, novas avaliacións do alumnado que son cuestionadas dende o ámbito educativo por antipedagóxicas, ao introducir unha avaliación externa en lugar da avaliación continua. Outras críticas a esta lei fan referencia a que “se liquida a xestión democrática dos centro” e permite subvencionar aos centros privados e concertados que segregan por sexos aos alumnos.