O domingo ás 10:30 horas celebrarase unha xornada de limpeza na praia de Rande na que poden participar todas as persoas que o desexen coordinada pola Cooperativa Trespés en colaboración coa Asociación Cultural de Rande. Hoxe venres os voluntarios serán os alumnos do Santa Mariña, que traballarán na limpeza da praia de Cesantes.
O proxecto “Mar, traballo e patrimonio. Descobre a Enseada de San Simón”, promovido polo Concello de Redondela, financiado polo Grupo de Acción Costeira e coordinado pola cooperativa Trespés, inicia esta semana dúas xornadas de Voluntariado ambiental na Enseada de San Simón. A primeira xornada de voluntariado ambiental programada para hoxe 26 de abril está dirixida aos escolares, concretamente participarán na mesma, os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEP Santa Mariña. Estes estudantes que previamente recibiron formación teórico-práctica en educación ambiental no seu centro, acudirán este venres á Praia da Mariña en Cesantes, onde colaborarán na limpeza do litoral. A seguinte xornada de voluntariado ambiental está programada para o domingo 28 de abril e está aberta a todas aquelas persoas que queiran colaborar na limpeza da Praia de Rande. Esta xornada que conta coa colaboración da Asociación Cultural de Rande comezará ás 10:30, coincidindo coa baixamar. Recoméndase levar roupa axeitada, botas e luvas.