A sección inaugural, celebrada onte, non estivo exenta de polémica polas declaracións do director do festival, Fernando Carreira “Cuchi” quen criticou aos responsables municipais por non seren quen de chegar a un acordo económico que permitira a celebración de actividades de rúa durante os catro días do festival.
Os pases continuarán hoxe ás 18:00, 20:00 e 22:00 horas no Multiusos da Xunqueira para rematar a xornada ás doce da medianoite coa sección “alternativa”, un espazo fora de concurso que este ano está dedicado integramente ás curtametraxes de temática zombie. O festival celebra ata o domingo 28 de abril a edición máis participativa, cun total de 603 traballos recibidos, dos que foron seleccionados 16 curtametraxes que se proxectarán en diferentes pases no Multiusos da Xunqueira e que optan este ano ao premio do xurado dotado con mil euros e ao premio do público de 500 euros. Mantéñense sección habituais como o espazo Máis Minutos o sábado ás dez da noite, que proxectará a película “Piedad” de Otto Roca, unha “cinta dura” onde se abordan temas como o alzheimer e o desarraigo. Mantense o prezo de edición anteriores, con 3 euros por sesión unha parte dos cales serán doados ao Racing Club de Chapela, o club de discapacitados intelectuais que está a reunir cartos para que dous dos seus membros poidan competir nos campionatos de Europa. Tamén este ano contan coa colaboración no Festival da Asociación Andaina. A clausura e entrega de galardóns terá lugar o domingo ás 21:00 horas.