O prazo de inscrición para participar no curso de verán que se vai desenvolver nos meses de xullo e agosto en San Simón remata hoxe martes. As persoas interesadas deben presentar as instancias no Concello de Redondela antes das 14:00 horas. A actividade está orientada a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos.
O prezo da matrícula ascende a 140 euros e inclúe aloxamento, actividades e manutención durante a semana que dura o campamento. Os participantes realizarán actividades educativas, lúdicas e deportivas, coordinadas todas elas pola empresa especialista na xestión deportiva Koremi. Actividades que van dende o cultivo dunha horta ao carón do mar, obradoiros de coiro e abalorios, ginkanas temáticas e a elaboración dun blog onde os participantes irán comentando o seu día a día na illa. A responsable do campamento Lorena Reboredo, salientaba o axeitado do lugar para desenvolver este tipo de programas. Os interesados poden inscribirse nunha das catro quendas que se ofertan: do 15 ao 20 de xullo ou en agosto do 12 ao 17, do 19 ao 24 ou do 26 ao 31. A folla de inscrición para poder participar do campamento débese entregar no Concello de Redondela antes das dúas da tarde de hoxe martes.