O seu voto non era decisivo, pero si foi sorprendente ver como toda a bancada popular votaba contra unha moción do PSOE agás o novo edil de Cultura, Julio Alonso, que se sumaba ás críticas de PSOE, BNG e AER contra a Lei Lomce, tamén coñecida como Lei Wert, un anteproxecto que está a ser moi contestado pola comunidade educativa.
A moción do PSOE solicitaba o apoio do resto dos grupos para lle reclamar ao Ministerio a retirada do anteproxecto da Lomce, a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa. Unha lei que critican porque suporá entre outras medidas a introdución da reválida, novas avaliacións do alumnado que son cuestionadas dende o ámbito educativo por antipedagóxicas, reducirá a independencia dos centros e tamén por primar o ensino do casteláns sobre o galego. Un feito este último que se traduce en que cada día sexan menos os nenos que teñen competencia no noso idioma, segundo asegurou o socialista Eduardo Reguera, quen falou da súa experiencia persoal como profesor de primaria.
Dende o BNG aseguran que a nova lei supón “retroceder 40 anos na situación do ensino” xa que se favorece aos colexios privados en detrimento dos públicos e se favorece aos centros que segregan por sexo ao seu alumnado.
O representante de AER ía máis alo e cualificaba a lei como “a máis estúpida das realizadas nos últimos anos”.
Dende a bancada popular facíase unha defensa dunha Lei que consideran necesaria “porque o actual sistema educativo non funciona” segundo palabras da concelleira Teresa París.
Unha opinión que compartían o resto dos membros do goberno, agás o novo edil Julio Alonso, como quedou patente no momento das votacións, xa que o seu voto a favor da moción sumouse ao dos concelleiros de PSOE, BNG e AER.