A pé de rúa terán que ver este ano os políticos a danza das espadas logo de que o pleno acordase eliminar o palco presidencial que se acostuma colocar na praza da Constitución para que a Corporación observe dende alí aos danzantes. A proposta chegou da Agrupación de Electores e contou co apoio de BNG e PSOE. Os populares optaron pola abstención neste punto.
O representante de AER, Jorge Varela “Chopi” entende que este tipo de practicas supoñen que os políticos gocen de privilexios que non teñen o resto dos cidadáns “que se ven obrigados a facer cola para poder contar cun bo sitio dende o cal ver a danza das espadas”. Por este motivo, solicitaban que a partir de agora non se coloque este palco ao que subían as autoridades logo de participar na procesión tendo así garantida a visión da danza. Os nacionalistas amosaron o seu apoio a esta proposta “como un paso máis no camiño de desvincular relixión e política na celebración das festas locais” Dende o PSOE falaban da necesidade de “rachar cunha tradición” que non ten sentido manter e que supuña “incuso un perigo para os que se subían a dita estrutura” Os populares optaban pola abstención e insistían en que a súa presenza en dito palco “non supuña un privilexio senón un acto protocolario propio de quen son elixidos polos veciños”