Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A “Cociña de mercado” chega a Redondela para promocionar a praza de abastos e o choco

RR_Noticias

O mercado municipal redondelán foi esta mañá o protagonista da campaña promocional “Rías Baixas, territorio gastronómico” cunha demostración de cociña en directo a cargo do prestixioso cociñeiro Antonio Botana. A elaboración do prato “Choco encallado na area” foi seguida tanto polos traballadores da praza como polos clientes, que logo puideron degustalo e levar a receita impresa para facelo na casa.

Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra queren así promocionar os produtos frescos que se venden nos mercados coa colaboración dos prestixiosos cociñeiros do Grupo Nove. Unha iniciativa que, segundo explicaba a deputada Marta Iglesias serve “de apoio e promoción dos mercados municipais” como lugares de referencia para a compra de produtos de primeira calidade. Segundo a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez, o obxectivo é “captar novos clientes” e mostrarse atractivos como centros de venda para a xente nova, ademais de consolidarse como un referente nas súas respectivas localidades. Para o alcalde redondelán, Javier Bas, trátase dunha excelente oportunidade para promocionar o mercado municipal e tamén produtos de gran calidade como o choco, agora que se achega a súa festa gastronómica. O cociñeiro do restaurante Pandemonium, Antonio Botana, foi o encargado de elaborar o prato e sorprender aos presentes cuha receita que mistura choco, berenxena e améndoas. “Todo un reto” como el recoñecía, na que é por excelencia “a terra dos chocos”. Esa receita, e case un cento máis, poden consultarse no “Tótem Interactivo” instalado pola deputación na propia praza de abastos, e tamén imprimilas e levalas para a casa. Este panel informático ofrece tamén información sobre a propia praza redondelá e os lugares de interese turístico do municipio. Unha “boa iniciativa”, segundo entenden as vendedoras do mercado, que agardan que se “revitalice” esta praza. Algunhas como Susana recoñecen que nos últimos anos “baixaron moito as ventas”, sobre dos peixes cos prezos máis elevados. Para Emilia, que leva máis de 20 anos como carniceira na praza, a situación é “cada vez peor”, entende que a crise está a afectar “a todos” e que ademais a clientela agora busca máis a comodidade que ofrecen os supermercados. Agradecen campañas como a emprendida pola Deputación, pero botan en falta outras medidas para gañar competitividade, como máis facilidades para o aparcamento dos clientes.  

Marta Iglesias deputada
A campaña busca promocionar a actividade dos mercados municipais.
Javier Bas alcalde
Para o rexedor a campaña supón unha excelente oportunidade para promocionar o mercado e produtos como o choco.
Antonio Botana cociñeiro
Botana fixo unha proposta novidosa con chocos un dos seus produtos favoritos.
Susana vendedora
Esta praceira sinala que estes días hai moita demanda de choco pero recoñece que nos últimos anos as ventas en xeral baixaron moito.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará