O Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) homenaxeará a figura de ‘Barriga Verde’ na edición deste ano. O curioso monicreque de luva creado polo galego José Silvent hai agora 100 anos verase reflectido na programación do Festival, ao incorporar compañías e espectáculos que recrean as fazañas deste particular personaxe. Sortearanse ademáis catro entradas para o documental ‘Morreu o demo, acabouse a peseta’ entre os que colguen unha foto do cartel deste ano no Facebook.
A celebración desta efeméride arrancará canda o festival, o martes 14, coa proxección do documental ‘Morreu o demo, acabouse a peseta’, que pretende ser unha homenaxe ao titiriteiro galego. Para esta sesión sortearanse catro entradas entre todas as persoas que suban unha fotografía do cartel deste ano a Facebook, e liguen a imaxe coa páxina oficial do Festival.
Viravolta títeres escenificará as aventuras de ‘Barriga Verde’ nunha barraca que recrea a que Silvent usou para percorrer a xeografía galega, e que estará instalada na Praza do Concello o venres 17 de maio. O sábado e o domingo, o titiriteiro Gaspare Nasuto achegará a versión italiana do personaxe en ‘L’antigua tradicion di Pulcinella’.
Ademais das actuacións en torno a ‘Barriga Verde’, a nova edición contará con máis de 70 representacións dos 25 espectáculos internacionais que compoñen o Festival deste ano, entre pasarrúas, funcións escolares, teatro de sala e un feixe de sorpresas, que se complementarán coa exposición ‘Olladas dun festival’ de Rafa Estévez e Cal 3, ubicada no Multiúsos da Xunqueira durante todo o festival.