A Concelleira responsable de Servizos Sociais e Ensino, Teresa París, respondeu ás críticas do socialista Eduardo Reguera en referencia ao escaso número de persoas beneficiarias das axudas para o comedor escolar lembrándolle que, cando gobernaba o PSOE, nin tan sequera existía dita axuda. Adiantou ademais que as bases para a concesión das mesmas modificaranse para ampliar o número de familias receptoras.
París asegura que cando asumiu a concellería no ano 2011 “nin tan sequera existía partida para outorgar estas axudas, as bases de convocatoria non estaban aprobadas nin publicadas e a falta de transparencia era absoluta”. Con esta afirmación responde ao socialista Eduardo Reguera quen criticara que das 41 persoas que solicitaron esta subvención só se lle concedera a 11 familias malia que non se chegou a gastar a totalidade da partida económica orzamentada para cubrir esta necesidade. Lembraban os socialistas que dos 32.000 euros destinados, só se gastaron 5.044,89 euros.
Neste sentido, a edil popular apunta a posibilidade de modificar os criterios que rexen a concesión das axudas para facilitar o acceso a esta subvención a un maior número de familias así como a posibilidade de facer unha campaña nos colexios do concello para facer chegar a información da próxima convocatoria destas axudas a todas as familias.
Unhas modificacións que adiantou xa no último pleno aínda que “igual o señor Reguera non prestou a suficiente atención”.