Milleiros de persoas pasaron por Redondela na fin de semana para gozar dos monicreques que encheron as rúas da vila de espectáculos que fixeron as delicias sobre todo dos mais pequenos. As representacións de sala no Multiusos colgaron un ano máis o cartel de completo. O éxito de público foi rotundo malia o mal tempo.
Durante os seis días de Festival, Redondela converteuse na capital internacional dos monicreques, acollendo máis de 70 representacións de 25 espectáculos. A obra “La venganza de Don Mendo” dos andaluces El espejo negro foi a encargada de clausurar un Festival que malia o mal tempo congregou a milleiros de persoas no centro da vila.
As catro grandes carpas instaladas na Praza do Concello, os xardíns da Alameda, na Pista da Xunqueira e mais na Casa da Torre quedaron pequenas para albergar, durante toda a fin de semana, a completa programación de rúa deste ano. Compañías de Italia, Francia, Chile, Andalucía e, por suposto, de Galicia, amosaron as súas artes ao numeroso público chegado dende diversos puntos da xeografía galega. Este mosaico, no que non faltaron os pasarrúas, os teatriños a gorra, o teatro familiar, as funcións escolares e ata un mercado titiriteiro, converteu Redondela na capital internacional dos monicreques durante esta semana.
Nesta edición, houbo ademais novidades salientables como os espectáculos no Museo Meirande que recibiu durante o Día das Letras un nutrido grupo de artistas e as Noites Titeresantes na Sala Discotasca que amosaron tamén o axeitado de prolongar a programación ata despois da cea.
A intensa programación completouse coa proxección de homenaxe ao titiriteiro galego “Barriga Verde”, e mais coa exposición fotográfica “Olladas dun Festival”, de Rafa Estévez e Cal 3 que se poderá ver no Multiusos ata o día 31.