A recuperación das pezas “Santísimo Sacramento” e “La hostia sagrada” vai permitir ao público escoitalas na procesión do domingo, interpretadas pola Banda de Música de Chapela. O traballo da Fundación Reveriano Soutullo, en colaboración co musicólogo Javier Jurado, fixo posible o milagre un século despois de que o compositor as escribira.
Na presentación da publicación das obras, que tivo lugar esta mañá no Concello, o musicólogo e profesor no Conservatorio Superior de Vigo, salientou a importancia de recuperar “o patrimonio musical galego” e adaptalo para que as actuais bandas de música poidan interpretar as pezas escritas séculos atrás. Este é o caso de “Al Santísimo Sacramento. Marcha regular”, que pertence á primeira época do compositor e foi recuperada pola Fundación Reveriano Soutullo a finais do 2006 nos arquivos da Banda Municipal de Vigo; mentres que “La Hostia Sagrada. Marcha solemne”, foi localizada pola Fundación na Biblioteca Municipal Conde Duque de Madrid. Jurado encargouse de completar as partes que estaban incompletas e adaptala, o que permitirá que nestas festas de Corpus Christi sexan interpretadas non só en Redondela, senón en moitas outras localidades galegas e do resto de España. O musicólogo salientou o feito de que unha editorial madrileña como Ideamúsica apostara por publicar estas pezas, polas que se interesan agrupacións musicais de toda España. Fai así un chamamento ás bandas galegas para que colaboren na recuperación e difusión do legado de Soutullo, que exerceu “como galego” ao longo de toda a súa vida. A recuperación destas pezas é un paso máis para poñer en valor a figura de Reveriano Soutullo, pero dese a Fundación advirten que queda por diante “un longo camiño”. María Rosa Arija Soutullo, neta do compositor e presidenta da Fundación, sinala que son máis de 100 as obras que aínda están desaparecidas, e outras tantas as que están en proceso de edición. As marchas poderanse escoitar na procesión de Corpus Christi en Redondela, a cargo da Banda de Música de Chapela, e na de Ponteareas, nesta ocasión interpretadas pola Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Esta mesma agrupación dará un concerto hoxe ás 22.00 horas, no “Auditorio Reveriano Soutullo” de Ponteareas, no que ambas as marchas volverán soar despois de case cen anos.