Os grupos políticos presentes na corporación acúsanse mutuamente de “irresponsables” por permitir que Redondela se atope sen orzamento, pendente dunha moción de censura e cun goberno en funcións. Mentres o alcalde apelaba á “responsabilidade” da oposición para aprobar uns orzamentos que entendía “imprescindibles para atender as necesidades dos redondeláns” a oposición acusábao de gobernar con “prepotencia e soberbia” e de actuar con “irresponsabilidade” á hora de presentar a cuestión de confianza que o deixan agora contra as cordas.
A Casa do Concello quedou pequena para albergar ao numeroso público que non quería perderse o debate da cuestión de confianza vencellada aos orzamentos que o alcalde Javier Bas presentaba por sorpresa o pasado martes. Unha sesión extraordinaria na que non houbo sorpresas. Os grupos da oposición reprobaron ao goberno local e agora PSOE, BNG e AER teñen un mes de prazo para presentar unha moción de censura e un goberno alternativo. De nada lle serviu ao alcalde apelar á responsabilidade da oposición. Dirixiu o seu discurso especialmente ao concelleiro de AER asegurando non entender que “logo de analizar e recoller gran parte das súas propostas no orzamento agora se comporten de xeito incoherente e non nos dean o seu apoio”. Adiantábase Bas incluso ao que podería acontecer no futuro ao asegurar que é inviable outra opción que non pase por aprobar os seus orzamentos “xa que outra alternativa de goberno que presente de xeito inmediato un orzamento real e que recolla todas as demandas aquí presentadas non é posible”. O que ata onte era edil de AER, Jorge Varela Chopi arrancaba a súa intervención reclamándolle ao alcalde que “no caso de perder a cuestión de confianza abandone a alcaldía de xeito inmediato” e lembrou que o voto de AER responde a que “o goberno faltou durante estes dous anos aos principios de transparencia que nos esiximos” motivo polo que “xa non confiamos en vostede”. Chopi cualificaba a cuestión de confianza de “acto de chulería” xa que ao seu entender o alcalde “convencido de que non haberá acordo entre os tres grupos da oposición para presentar unha moción de censura tirouse a piscina e igual estaba sen auga”. A nacionalista Cecilia Pérez Orge anunciaba que o seu grupo “nunca lle vai dar nin no presente, nin no pasado nin no futuro a confianza a un goberno do PP” e reiteraba os motivos que os levaron a votar en contra dun orzamento que ao seu entender defende as políticas regresivas do PP “no que falta políticas reais que axude á xente a superar a situación de crise”. Contundente amosábase o voceiro do PSOE, Eduardo Reguera quen asegurou que a presentación d cuestión de confianza “ven demostrar a prepotencias do alcalde, que amosa ademais un comportamento irresponsable con este paripé” E mentres as críticas arreciaban a concelleira de Economía e facenda, Ana Mª Alonso volvía facer unha defensa a ultranza do documento económico e criticaba duramente as políticas económicas dos anteriores gobernos. Moción de censura Finalmente e de viva voz todos os concelleiros foron amosando a súa confianza ou non no alcalde. Agora os grupos da oposición teñen un prazo de 30 días, que rematará o 6 de xuño ás 14:00 horas para presentar unha moción de censura. Un acordo que se prevé difícil pero non imposible logo de que AER manifestase que a súa formación “está farta de promesas incumpridas por parte dos populares” e que non renuncian a apoiar un goberno alternativo sempre e cando “recolla as súas demandas que pasan por unha maior transparencia e maiores investimentos en políticas sociais”. Agora a pelota parece que está no tellado do socialistas, que son ao entender de AER e BNG quen ter que “mover ficha”. De non consensuar e presentar un candidato e un orzamento alternativo antes de un mes, quedará automaticamente aprobado o dos populares.