A embarcación de Tirán, única participante galega da liga ACT, foi a absoluta dominadora da regata, seguida por Samertolameu e Chapela. Unha proba que serviu para abrir a temporada tanto das embarcacións da LGT-A como da LGT-B.
Onte pola mañá disputouse fronte aos peiraos do Con, en Tirán (Moaña) o IV Memorial “Ruli” de traiñeiras, en lembranza do que fora patrón da S.D. Tirán. Na proba participaron quince traiñeiras, entre elas as dúas de Redondela. As tripulacións, repartidas en catro mangas, comezaron a batalla nunha regata que serve ós adversarios para medir forzas, xa que abre a tempada 2013 de traiñeiras. A primeira manga deixou como vencedor a Tirán B, que derrotou a Coruxo e Cesantes con claridade. A segunda foi máis competida e gañou Ares, seguido de Poboa, Morrazo e Rianxo.Na terceira serie a vitoria foi para Mugardos, moi superior a Vilaxoán, que foi segundo, por diante de Cabana Ferrol e Mecos. Na cuarta manga, onde participaban os favoritos, non houbo sorpresas e o triunfo absoluto foi para Tirán, único equipo galego que compite na liga ACT. Os do Con adiantaron en 35 segundos ao segundo, Samertolaméu, e o C.R. Chapela rematou na terceira posición, a 50 segundos do campión. Os resultados da proba de onte foron os seguintes: 1.- Tirán, 19.57:72; 2.- Samertolaméu, 20.32:46; 3.- Chapela, 20.47:23; 4.- Mugardos, 20.51:69; 5.- Vilaxoán, 21.03:67; 6.- Tirán B, 21.08:97; 7.- Amegrove, 21.22:53; 8.- Cabana Ferrol, 21.24:29; 9.- Ares, 21.24:84; 10.- Poboa, 21.41:09; 11.- Mecos, 21.49:92; 12.- Morrazo, 22.16:06; 13.- Coruxo, 22.26:30; 14.- Rianxo, 22.39:09; 15.- Cesantes, 22.41:47.