A Agrupación de Electores reúnese esta tarde ás 20:00 horas co PSOE co obxectivo de coñecer si os socialistas teñen intención de presentar unha moción de censura e un orzamento alternativo ao presentado polo populares. AER non ten aínda elaborado un documento de mínimos que recolla as súas demandas básicas para apoiar un novo goberno pero o edil da agrupación Alfonso Blanco “Pochi” insiste en que calquera acordo pasaría por asegurar unha maior transparencia e participacións nas cuestións municipais.
Precisamente a falta de transparencia nas contratacións ou o incumprimento no gasto de determinadas partidas son os argumentos que a Agrupación de Electores esgrimiu para retirar a confianza ao alcalde, Javier Bas e para non apoiar os orzamentos presentados polos populares. Agora amosan a súa disposición a “falar con todos” pero recoñecen que chegar a un acordo que se concrete nunha moción de censura “é moi difícil” sobre todo tendo en conta que “tanto PSOE como BNG tamén se opuxeron a moitas das nosas propostas ao longo destes dous anos de mandato”. De feito, entenden que “o órdago” do alcalde ao presentar a cuestión de confianza responde precisamente a que “nas filas do PP dan por feito que non se producirá ningún acordo de gobernabilidade entre os grupos da oposición”. Con todo Pochi insiste “hoxe por hoxe a moeda pode caer de calquera lado”.. Alfonso Blanco é dende o pasado xoves o novo concelleiro de AER logo de que tal e como estaba previsto, Jorge Varela “Chopi” deixara o cargo. Unha agrupación que foi chave de goberno hai dous anos e que volve atoparse nunha situación semellante a día de hoxe. Un papel clave na gobernabilidade local que contan con non repetir de cara ao futuro xa que a súa intención inicial era participar da política tan só estes catro anos e non volver presentarse. Con todo, nin confirman nin desminten porque tamén o seu futuro está no aire como o goberno local.