O Concelleiro de Cultura Julio Alonso lembra que as bases de subvencións para actividades culturais a centros e asociacións “xa están feitas e entregadas” malia que a súa aprobación está condicionada a que se aproben os orzamentos municipais, algo que non sucederá aló menos no prazo dun mes. Dende a Plataforma en defensa da cultura critican o “atraso acumulado que vai ocasionar serios problemas ao desenvolvemento de moitos eventos culturais”.
As bases reguladoras para a concesión de subvencións para actividades culturais a centros, asociación e entidades está “feitas e entregadas” así o aseguraba o concelleiro de Cultura Julio alonso quen apuntaba tamén que en total está prevista unha partida de 40.000 euros que sería repartida entre os colectivos que optan a estas axudas. Sen embargo a concesión desta subvención vaise demorar ata que non se aprobe o orzamento municipal algo que, como mínimo, non acontecerá ata dentro dun mes cando se resolva a situación de gobernabilidade en Redondela pendente dunha posible moción de censura. Mentres a Plataforma en defensa da cultura reitera as súas críticas por uns atrasos que fan moi difícil que as axudas poidan ser outorgadas a tempo este ano o que vai ocasionar “serios problemas a moitos eventos culturais que se organizan en diferentes puntos do Concello de Redondela. Unha situación que de non correxirse, malogrará o abano cultural no presente ano. Critican tamén que ditas bases se estean “difundindo de xeito aleatorio entre asociacións e particulares, sen realizar unha exposición pública organizada e transparente” Respecto das bases, a Plataforma reclama tamén cambios nos criterios de avaliación de proxectos. Critican a existencia dun criterio que puntúa a colaboración desinteresada con actividades desenvoltas polo servizo de Cultura, ou sexa, actividades cuxa responsabilidade de programación recae sobre a Concellería de Cultura, para o que conta xa con orzamento específico. Solicitan tamén que na comisión de valoración se inclúan persoas con relación ou coñecemento específico en temas culturais e a inclusión dun criterio que valore o “Carácter innovador de novas propostas”. Finalmente demandan que no caso da denegación de axuda se realice una xustificación do ditame.