A illa redondelá acollerá o días 27 e 28 de xullo un dos festivais máis especiais da tempada, o Sinsal San Simón. Unha cita única non só pola espectacular localización na illa, en medio da enseada de San Simón, senón tamén porque o cartel é secreto: o público debe mercar a entrada sen saber que bandas van actuar, e unha vez alí descubrirá os grupos escollidos. Para este ano prometen un amplo abano musical, “desde as cantigas ata a música avanzada”.
Esta tarde póñense á venda as entradas para os dous días, nos que se repetirán as actuacións, e será a través da páxina web www.festival.sinsalaudio.es. O prezo é de 29 euros para os 200 primeiros e a partir de aí, 35 euros (máis gastos de distribución) até o 15 de xullo. Desde entón e ata o día de comezo do evento o prezo será de 40 euros. Existe ademais unha entrada reducida de 5 euros para nenos menores de 12 anos. Julio Gómez, coordinador do festival, explicou que haberá sete actuacións principais en dous escenarios, con tres bandas galegas, unha española e tres internacionais. Haberá un terceiro escenario no que se tratarán temas culturais, debates e entrevistas. Esta ano inclúen a sección “Músicas escondidas”, con varios concertos en diferentes localizacións da illa para un aforo limitado, xa que se farán sen amplificación. E deixou unha pista: un dos grupos participantes estivo nominado hai dous anos como mellor grupo do seu país, pero o galardón arrebatoullo outra formación que acutou no Xacobeo. O primeiro concerto comezará ás 12.15 e o último, ás 20.00. Os barcos, con saídas desde Cesantes e San Adrián de Cobres, comezarán a chegar á illa sobre as 11.00 horas, e na web poden atopar toda a información sobre horarios do transporte. A organización confía en colgar o cartel de “non hai billetes” e cubrir as 1.400 prazas de aforo (700 por días). Para o concelleiro de Cultura de Redondela, Julio Alonso, é unha “satisfacción” que os organizadores sigan apostando por Redondela para celebrar o festival e confía en que teña continuidade na illa pola súa calidade. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, gabou a singularidade dun festival que aposta “máis pola calidade que pola cantidade” e salientou o apoio ás actividades en San Simón, que queren “seguir impulsando” desde a Consellería.