AER elude dar explicacións polo de agora da súa decisión de non apoiar un goberno alternativo aos populares, explicacións que aseguran darán nos vindeiros días a través dun comunicado. Mentres PSOE e BNG critican que un alcalde en minoría vaia gobernar cuns ornamentos que a oposición rexeita por entender que son antisociais e que non contemplan investimentos comprometidos dentro do Plan Marisma.
En menos dunha semana resolveuse a incógnita sobre o futuro da alcaldía en Redondela. Aínda que o alcalde Javier Bas perdía a cuestión de confianza e se abría así a porta a unha posible moción de censura, a rotunda negativa da Agrupación de Electores a apoiar un eventual goberno do PSOE pechaba a posibilidade de calquera cambio no goberno local practicamente antes de comezar ningún tipo de negociación. A oposición tiña de prazo ata o vindeiro 6 de xullo para entenderse e, aínda que nun primeiro momento a Agrupación de electores amosaba a súa disposición “a escoitar a todos malia o difícil de chegar a un acordo” finalmente non foi necesario esgotar a rolda de conversas. Chegaron á primeira reunión co seu voto decidido: non ían apoiar unha moción de censura. Unha decisión non argumentada publicamente, aínda que aseguran que darán as pertinentes explicacións nos vindeiros días a través dun comunicado. Dende o PSOE amosaban a súa sorpresa ante a decisión de AER e lamentan que o goberno do PP “vaia agora gobernar en minoría e aprobar uns orzamentos que cualifican de claramente antisociais e que foron rexeitados unanimemente por todos os grupos da oposición”. Máis rotundos son no BNG, agrupación que tiña previsto apoiar a investidura dun alcalde do PSOE sen entrar a formar parte do goberno e que critica abertamente a decisión de AER, unha agrupación que segundo os nacionalistas deberá explicar “como alguén que se di de esquerdas favorece un goberno do populares en dúas ocasións, xa que argumentando que non apoian a ninguén están a dar un apoio tácito ao PP”. Mentres dende o goberno o popular Javier Bas amósase prudente, xa que é consciente de que o prazo para presentar a moción non se pecha ata o vindeiro 6 de xullo. Iso si, entende que o seu grupo conta coa apoio dos veciños que “apoian a nosa xestión” motivo polo que “a nosa intención é en todo momento esgotar os catro anos de mandato”.