O Redondela Fútbol Sala recupera o seu Campus Multideporte, que se celebrará do 25 ao 28 de xuño en colaboración co club Náutico de Redondela e a SAR. Ademais da práctica deportiva contarán tamén con actividades culturais e lúdicas coa participación do Conservatorio de Música Municipal e Protección Civil. Está dirixido a rapaces de 7 a 12 anos de idade.
A edición deste ano ten como base coas disciplinas deportivas de balonmán, natación e fútbol sala, ás que se suma unha visita a protección civil, unha exhibición de artes marcíais (Ximnasio Do Yang), unha convivencia no Conservatorio de Música e unha excursión a Illa de San Simón con visita ó Museo Meirande. Tal como explica o presidente do Redondela F.S., Julio Mougán, trátase “dun bo premio para os rapaces que rematan o curso escolar”. O concelleiro de Deportes, Jesús Crespo, anima tamén ás familias para que ofreza ós seus fillos a posibilidade de comezar as vacacións escolares “dun xeito lúdico e practicando deporte”. O custe do campus é de 45 euros e inclúe agasallos e sorteos na xornada de clausura. As actividades realizaranse no Pavillón e a Piscina Municipais de Redondela. Todos aqueles que queiran formalizar súa inscrición poden facelo a través do e-mail do club ( f.s.redondela@hotmail.es ) ou chamando ó teléfono 676282722.