O lateral, de 21 anos de idade, certificou a súa renovación pola escuadra canguesa, que continúa dando pasos na configuración do seu persoal para a tempada 2013-2014, na que novamente os xogadores galegos terán un peso maioritario. Krook cumprirá a súa terceira campaña no conxunto cangués, ao que chegou procedente da SAR.
Neste tempo pasou de poder xogar en Primeira Autonómica, tras o descenso do cadro redondelán, a facelo en Asobal. E aínda que o equipo redondelán acadou o ascenso, co que regresa á Primeira Nacional, o futuro de Krook semella estar xa lonxe de Redondela. De feito o primeira liña non tivo dúbidas á hora de asegurar a súa continuidade no Frigoríficos, aínda que recibira ofertas doutros equipos, como o Teucro, que quería contar con el para o seu proxecto na División de Honra B. O xogador achegou o seu traballo ao éxito do equipo, especialmente no apartado defensivo, aínda que acusou a acumulación de traballo ao ter que alternar o primeiro equipo e o filial.