Os días 6 e 7 de xullo a área recreativa Chan das Pipas acolle unha nova edición da festa do viño na que participan os produtores locais de viño da parroquia ofrecendo os seus caldos aos visitantes. Non faltará a música nin a diversión máis enxebre coa celebración das II agrolimpiadas de Saxamonde con xogos para grandes e cativos.
Esta fin de semana celébrase en Saxamonde unha nova edición da Festa do Viño da Casa coa participación de cinco produtores domésticos da zona. Calquera persoa que queira poderase achegar para degustar os viños e acompañalos de empanada, churrasco, polbo e tortilla. Co obxectivo de dinamizar a parroquia, o Centro Cultural celebra esta cita gastronómica coa que queren tamén poñen en valor a elaboración do viño e ofrecer posibilidades de lecer, ao tempo que potencian os elementos de identidade propia. A apertura das casetas terá lugar as seis da tarde do sábado, unha xornada na que a música correrá a cargo do grupo Asubíos de Cedeira, as pandereteiras Arela de Saxamonde, os Escornabois, O Leo i Arremecághona e o grupo de música folk Alvariza. O domingo a xornada arrancará xa as 11:30 horas e haberá sesión vermú coa música da Orquestra de Saxos. Celebrarase ao mediodía o concurso de receitas con viño, que chega este ano a súa IV edición e, xa pola tarde, será a quenda das II agrolimpiadas, un evento deportivo cultural composto de diversas probas deportivas relacionadas co agro. Unhas agrolimpiadas nas que poden participar persoas dende os 4 anos e con probas que perseguen medir a forza, destreza, habilidade e resistencia dos participantes, probas de nomes tan enxebre como o lazamento de legón, apilamento de alpacas e lanzamento de piña ao cápacho. Os asistentes poderán tamén achegarse á exposición de fotografías Foto fúrancho, un concurso fotográfico que se celebra por segundo ano e que contou coa participación de 20 concursantes.