Os veciños de Luz Otero, propietaria dunha vivenda no barrio de Laredo sobre a que pesa unha orde de derrubo, impediron por segundo día consecutivo que os operarios municipais procedesen a entrar nese domicilio. Con todo, os trámites para cumprir a sentencia xudicial que ordena a súa demolición por non axustarse esa construcción á licencia concedida continuarán o vindeiro luns. Dende o Concello lamentan a situación pero lembran que cando hai unha sentencia de por medio “hai que cumprir a lei, senón estaríase prevaricando”
O persoal municipal responsable do departamento de urbanismo, acompañados dos axentes da Policía Local desprazábanse ás 9:00 horas de hoxe novamente ata este domicilio. Nas inmediacións da vivenda esperábanos unha treintena de veciños que xa onte amosaban o seu apoio a Luz Otero propietaria deste baixo cuberta no que reside e que deberá ser demolido antes de setembro, logo de que así o decrete a sentencia do xulgado e despois de que fracasasen todos os recursos presentados pola afectada. Unha segunda toma de contacto na xornada de hoxe que tampouco serviu para achegar posturas. Está previsto que os traballos previos para proceder á demolición da bufarda se realicen a partir do vindeiro luns, data na que segundo explican dende o Concello iniciaranse os traballos previos para executar a demolición, consistentes en asegurar a zona, colocar as estadas e adoptar as medidas de seguridade necesarias para que o derrube dese baixo cuberta non afecte ao resto dos andares do edificio.