Os grupos políticos presentes na corporación de Redondela celebraron onte unha cordial sesión plenaria a tan só unhas horas de que remate o prazo que permitiría aos grupos da oposición presentar unha moción de censura. Malia a falta de entendemento para chegar a un acordo de cara a desaloxar da alcaldía ao goberno do PP e logo de críticas cruzadas en prensa e redes sociais, no pleno de onte o entendemento foi unánime en moitos dos puntos e mocións debatidas. Aprobáronse entre outras cuestións instar a Xunta a que se abra “urxentemente” o centro de Día de Cesantes así como que se mellore a información veciñal.
Unha sesión que arrancaba coa toma de posesión do concelleiro da Agrupación de Electores, Alfonso Blanco “Pochi”, que substitúe no cargo ao que foi durante dous anos o edil de AER, Jorge Varlea “Chopi” Unha das súas primeiras intervencións foi defender unha moción do seu grupo encamiñada a mellorar a comunicación cara aos veciños “á hora de poñer en exposición pública obras, modificacións urbanísticas” e outras actuacións que eviten que se repitan casos como o acontecido coa modificación urbanística da zona de Petan ou coa colocación dun trasformador na Portela “xerando este último unha importante alarma social entre os veciños que se enteraron das obras ao seu comezo non podendo facer as alegacións oportunas”. Para evitar que isto volva acontecer dende AER solicitaron que dende o Concello se envíe aos grupos políticos e aos membros do consello parroquial todo aquilo que afecte aos intereses xerais da veciñanza. Unha moción que foi apoiadas por todos os grupos. Cetnro de Día Tamén de xeito unánime se amosaron todos os concelleiros de cara a demandarlle á Xunta a apertura urxente do Centro de Día de Cesantes, un inmoble cuxa posta en marcha leva un atraso importante. Unha moción presentada polo PSOE cuxo concelleiro, Eduardo Reguera, lembraba o importante investimento realizado nesta infraestrutura cuxa construcción supuxo un desembolso de 2.263.000 euros e que unha vez en funcionamento terá capacidade para atender a 50 maiores ademais de crear 50 postos de traballo. Tamén dende o BNG se salientaba a importancia desta infraestrutura sobre todo nun concello como o de Redondela onde o número de persoas maiores de 80 anos é moi numeroso. Dende o goberno amosaron tamén o seu apoio á proposta por entender que o Centro de Día debería estar aberto no prazo máis breve posible. A edil de Servizo Sociais, Teresa París aseguraba que nese sentido xa se está a traballar mantendo contactos cos responsalbes da Consellería. Non houbo referencias ao longo da sesión a moción de censura cuxo prazo remata mañá día 6. Esgotado ese prazo os orzamentos do PP quedarán automaticamente aprobados logo de que o alcalde, Javier Bas os vinculase a unha cuestións de confianza que non prosperou e que abría a porta a un posible cambio na alcaldía. Con todo, a negativa de AER a apoiar un eventual goberno alternativo liderado polo PSOE permitirá sacar adiante as contas municipais malia o voto en contra de todos os grupos da oposición.