Un emotivo e reivindicativo acto que vai ter lugar este domingo en San Simón organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria. Este ano dedicaráselle un recordo especial aos soldados e mariños que desobedeceron aos golpistas e pagaron coa súa vida a lealdade ao pobo e a democracia.
Como todos os anos no domingo máis próximo ao 18 de xullo, conmemórase na Illa de San Simón o día da memoria organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria que serve de punto de encontro do movemento memorialístico na Galiza. Neste caso o acto será o 21 de xullo. No acto do domingo, dedicado especialmente aos mariños que desobedeceron aos golpistas está previsto que interveñan parentes de mariñeiros que se resistiron ao levantamento fascista. Este é o caso de Mª José Barreiro, sobriña de Manuel Barreiro, un dos mariñeiros que promoveu a rebelión contra o golpe en Ferrol. David Fernández Martínez, fillo de David Fernández Dopico, mariño de Ferrol exiliado en Orán. E Jorge Gómez Gude, catedrático emérito da Universidade de Vigo, párroco de San Xulián de Marín e fillo de militar represaliado. Intervirá tamén o cantautor marinense Samuel Acuña Parada e levarase a cabo unha solta de pombas en recordo de todas as vítimas do franquismo. A Iniciativa Galega pola Memoria considera fundamental continuar con esta homenaxe que xa está instituída e consolidada no calendario memorialístico galego “neste espazo de dor que serviu de correr da morte ou antesala de represión nos anos que foi colonia penitenciaria do franquismo”.