A formación nacionalista esixe que o Concello aplique a ordenanza que sanciona este tipo de pegada no mobiliario urbano e que establece multas que poden cegar aos 3.000 euros no caso de reincidencia da infracción. A empresa utilizou novamente este ano as marquesiñas do concello para anunciar estes “espectáculos”.
Aproveitando as festas da Peregrina en Pontevedra están a aparecer anuncios destes festexos nas marquesiñas do concello de Redondela, ao pé das estradas de ámbito estatal. Uns espazos que malia estar prohibido están a ser utilizados póla empresa, para publicitar ditas touradas, causando un deterioro ao patrimonio municipal.
O BNG, do mesmo xeito que fixera o ano pasado, reclama ao goberno municipal que faga cumprir a “Ordenanza municipal reguladora da xestión e do tratamento de residuos sólidos urbanos, da limpeza de espazos públicos e da salubridade”. En dita ordenanza, prohíbese expresamente colocar carteis fóra dos elementos colocados expresamente para tal fin.
Tamén se cataloga este tipo de pegada no mobiliario urbano, como falta grave, o que pode ser obxecto dunha multa de entre 750 e 1.500 euros. No caso de reincidencia da infracción pódese chegar aos 3.000 euros.
Dende o BNG lembran que esta formación rexeita frontalmente as torturas ás que son sometidos os touros na denominada “festa nacional”, un “espectáculo público, no que os animais son sacrificados dun xeito sádico, despois do xúbilo do público e que son unha mostra dun xeito de entender a cultura, totalmente desfasado”.