A Escola de Déborah Alfaya organiza un espectáculo de danza clásica e moderna a favor da ONG “Da Man”. Unha actividade que terá lugar na Praza da Casa da Torre hoxe mércores 24 ás 21:30 horas. Actuarán tamén as escolas Bambalina New Era, Bruno Moro, Roser Garriga, Estudio 88 e Vallontano. En caso de mal tempo o espectáculo trasladarase ao Multiusos da Xunqueira.
Unha actividade completamente gratuíta pero que lle serve ao integrantes da ONG para dar a coñecer as diferentes indicativas sanitarias e educativas que están a desenvolver no Senegal co gallo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes. A presidenta da Asociación, a médico pediatra Pilar Martínez lembra que a colaboración dos veciños con organizacións como Da Man é moi necesaria para axudar a un pais como Senegal “que se atopa nunha situación moi complexa, cun elevado índice de mortalidade infantil, de malnutrición e de analfabetismo”. Esta ONG redondelá comezou colaborando na zona con proxectos exclusivamente sanitarios achegándolle medicación gratuíta a aqueles que a precisaban e desenvolvendo actividades formativas para mellorar a cualificación do persoal sanitario local pero que agora, e grazas tamén ao incremento das colaboracións, están a traballar tamén en proxectos agrícolas e educativos.