Redondela celebra este martes 30 de xullo ás 20:30 horas un pleno ordinario no que o máis salientable serán as comparecencias solicitadas polos grupos da oposición. Poucos edís do goberno se librarán de dar explicacións sobre os seus departamentos xa que hai solicitadas un total de catro comparecencias, as dos concelleiros de Medio Ambiente, Cultura, Xuventude e Interior.
Tres das comparecencias foron solicitada polo PSOE quen demanda do edil de cultura, Julio Alonso que dea explicacións da situación actual do Convenio interparroquial e dos motivos que levaron a algunhas asociacións a non asinar este convenio que se ven desenvolvendo en Redondela dende hai anos. Por outra banda, solicitan do edil de interior Arturo González que explique como responsable do servizo de emerxencias o por qué do atraso na elaboración e aprobación do PEMU, o Plan de Emerxencias Municipal logo de dous anos no goberno. Un plan que segundo explican dende o PSOE “é necesario para garantir a seguridade de tódolos veciños e veciñas do Concello”.
Finalmente solicitan da concelleira de xuventude, Herminda Quelle que explique por qué a OMIX non está a levar a cabo as funcións de organización e información das actividades de verán o que está a xerar confusión entre a xente á hora de se anotar nos cursos e campamentos que habitualmente se xestionaban dende a OMIX.
Por outra banda, a Agrupación de Electores solicita a comparecencia do edil de Medio Ambiente, Miguel Angel Alvarez Balleteros para que explique o motivo de que non se estea a convocar a comisión de seguimento dos servizos privatizados malia que se acordou en pleno que esta comisión se reuniría con carácter mensual.