A Alameda de Redondela congregará na tarde noite do venres e sábado a artistas chegados de diferentes puntos do planeta que amosarán aos veciños espectáculos diversos que van dende o teatro ata o circo pasando pola maxia, as performances ou a mímica. Cuba, Colombia, Portugal, Ecuador, Francia, Arxentina e Galicia contarán con representantes nesta XIV edición do Festival.
O director do Festival, Luís Crespo, explica que se mantén a filosofía de anos anteriores que busca que os espectáculos de ambientación- con artistas que traballan de xeito continuado- convivan con actuacións puntuais de circo, teatro e maxia. Un xeito de programar que garante que durante toda a tarde dende as 20:00 horas calquera que se achegue á Alameda de Redondela se atope con diferentes actividades que se celebran paralelamente. A programación arrancará ás oito da tarde do venres co showman cubano Raul Martínez, nunha xornada na que haberá circo coas compañías Los Kikolas e Assircópatas e maxia coa compañía Mesa Máxica. O espectáculo Electrikmim será o encargado de pechar a xornada unha proposta a cargo de Manolo Carambolas, un mimo showman chegado dende Andalucía e gañador da 5ª edición do “Tu si que vales”. O sábado os primeiros en actuar serán os arxentinos Chimichurri Circo que reclamarán a complicidade do público do mesmo xeito que o fará o showman Mariano Guz. Durante toda a tarde haberá tamén xogos tradicionais coa ludoteca Casa dos xogos e a música da Fanfarria Taquikardia será a encargada de poñer o punto e final ao Festival cun concerto a unha da madrugada.