Un veciño da zona da Formiga, na parroquia de Cedeira, resultou ferido de carácter leve ao envorcar o tractor no que circulaba. O accidente produciuse sobre as dúas menos cuarto da tarde do venres, na N-552, á altura do peirao de granitos, cando a vítima fixo unha manobra para entrar nunha das súas leiras e chocou cun turismo, envorcando seguidamente.
Ao lugar trasladáronse axentes da Policía Local de Redondela que procederon a regular o tráfico durante preto de dúas horas ata que foi retirado o tractor da vía. O ferido foi trasladado por unha ambulancia a un centro sanitario para ser atendido das súas lesións. O accidente de circulación provocou grandes retencións de vehículos na zona a unha hora do día na que por esta estrada circulan numerosos vehículos en ambos os sentidos.