Logo do éxito acadado na primeira edición do certame gastronómico, a Comisión de Festas da Teixeira, no Viso, organiza este domingo día 11 a súa segunda festa, dedicada tamén ó cefalópodo. A organización ofrece tamén outros pratos típicos como churrasco e criollos, ademais de programación musical e actividades para os cativos.
A partir da 11h da mañá no torreiro de festas da Teixeira comezarase a servir o típico polbo a tódolos asistentes que desexen degustalo. Ademais, paralelamente contarase con inchables para os nenos ao longo de toda a xornada, que estará amenizada polo grupo D´Diseño. O presidente da Comisión de Festas, Mario Otero, explica que a organización porá a disposición do público un amplo espazo de aparcadoiro ao carón do torreiro de festas que será de balde.