Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cinema, circo, música galega e hindú centran a programación cultural desta semana en Redondela

RR_Noticias

As actividades organizadas polo Concello para esta semana comezan hoxe ás 22.00 horas coa proxección do documental Santa Liberdade na Praza Reveriano Soutullo. Continúan mañá mércores co espectáculo circense de Cair Circo na Praza da Casa da Torre. Nese mesmo emprazamento actuará o sábado o grupo galego A Roda e o domingo Vikas Tripathi e Rajib Karmakar con música hindú. En Chapela actuarán o venres Carapaus, con música tradicional galega.

O concelleiro de Cultura, Julio Alonso, anima a todos os veciños a participar nesta programación de verán, coa que intentan ofrecer espectáculos de calidade “para todos os gustos”. A proxección desta noite, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística, é un documental histórico dirixido por Margarita Ledo. Remóntase ó ano 1961, cando o navío “Santa María” é tomado por un grupo de antifascistas. Baixo o mando do portugués Henrique Galvão, os galegos Velo e Sotomayor e unha vintena dos chamados “piratas da liberdade” ibéricos escriben o seu capítulo na loita contra as ditaduras de Franco e Salazar. Mañá mércores, día 14, terá lugar o espectáculo de Cair Circo, ás 22.30 horas na Praza da Casa da Torre. As acrobacias mistúranse con coreografías excéntricas, golpes e caídas caóticas que contrastan coa danza e os xogos malabares. Un espectáculo onde a emoción e o risco súmanse ao humor. O venres día 16 a programación cultural desprázase á Alameda de Chapela coa actuación do grupo de música tradicional galega Carapaus, ás 22.30 horas. Cinco músicos procedentes de formacións como Chouteira, Ultreia ou Tintafemia, xúntanse neste novo proxecto co que veñen de gravar “Conservas de música tradicional”. Nel soan múltiples instrumentos da tradición galega (gaitas, frautas, zanfona, acordeón, percusións) que dan frescura e ritmo a todo o espectáculo. Para a fin de semana na Praza da Casa da Torre os protagonistas serán o sábado a mítica formación galega “A Roda” e o domingo a música hindú con Vikas Tripathi e Rajib Karmakar. Os dous concertos ás 22.30 horas.  

Julio Alonso edil de Cultura
O Concello ofrece unha programación variada e para todos os gustos.
Eva García Rei SNL
O documenal Santa Liberdade está dirixido por Margarita Ledo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará