O 80% dos polígonos de bateas de mexillón están pechados nas rías galegas, e a de Vigo é que presenta unha mellor situación, xa que é a menos afectada polo episodio de marea vermella. No caso do litoral redondelán todos os polígonos de mexillón están abertos, un total de cinco, e un máis de ostra, o que reflicte que o episodio de toxina está a remitir.
A ría menos afectada é a de Vigo, onde dos 13 polígonos que hai, oito están abertos -todos os de Redondela, un en Vigo e outro en Cangas-. Do resto non se pode extraer molusco debido á presenza da toxina, segundo datos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Os primeiros peches producíronse a principios de xullo en Cangas e pronto se expandiron por Vigo e Redondela, todos na Ría de Vigo, pero a situación empezou a mellorar hai uns días. No entanto, hai dous polígonos (Cangas F e G) que permanecen clausurados desde fai máis de catro meses, desde o 2 de abril. Na ría de Pontevedra están todos pechados, igual que en Baiona, a ría de Muros-Noia, Corme-Laxe, e a inmensa maioría dos polígonos de Arousa e de Ares-Betanzos. A “marea vermella” é un fenómeno natural que se produce por microalgas presentes no fitoplancto mariño e que baixo condicións ambientais favorables -como o bo tempo- multiplícanse. É a chamada toxina PSP, que é paralizante e que pode provocar no consumidor molestias de tipo intestinal como vómitos, mareos e náuseas. O mexillón que está no mercado pódese consumir sen risco algún para a saúde porque non procede das bateas que están afectadas e, por tanto, chega aos fogares polas canles regulares de comercialización polo que ten garantía de salubridade.