O lume comezou na parroquia ponteareá de Pías, ás 20.00 horas, e segundo os veciños estendeuse rapidamente por mor do vento. As forzas e corpos de seguridade non descartan que fora intencionado.
No transcurso dos labores de extinción, participaron membros da corporación de Bombeiros de Ponteareas, xunto coa Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, así como vehículos motobomba e helicópteros. Ningunha vivenda se viu ameazada polas lapas, pero si a nave da empresa Ecocelta, situada no lugar de Pontacóns, que corría perigo, polo que foi o lugar no que se centraron os efectivos desde o primeiro momento.
Lumes en Ourense
Polo menos dez incendios, tres deles no concello de Vilamarín, cercaron onte a provincia de Ourense nunha xornada marcada polo vento e as altas temperaturas, que deixou tamén incendios de distinta consideración no concello de Monterrei, con máis de 20 hectáreas queimadas, e Padrenda, así como pequenos lumes illados como o que se produciu pola mañá en Rairo, na capital. O Ministerio de Medio Ambiente tamén desvelou que enviou medios aéreos para apagar chamas na Mezquita, Oímbra, San Cibrao das Viñas e Carballeda de Valdeorras. A noticia positiva da xornada foi que quedaron controlados o incendio de Verín e Vilardevós. O gran continxente de medios de extinción entre eles 27 aeronaves participaron nos labores de extinción deste incendio que comezou na tarde do sábado en Queirugás, en Verín, e estendeuse ao concello limítrofe de Vilardevós.