Un mozo de 26 anos faleceu na noite do sábado e o seu acompañante resultou ferido grave nun accidente de tráfico no que a moto na que viaxaban chocou contra un turismo nunha curva da N-555, á altura de San Esteban de Negros (Redondela). No accidente tamén resultou ferido un home de 71 anos, veciño de Cabeiro, que conducía o coche.
A vítima mortal, F.J.M.F. , de 26 anos e veciño da avenida Mendiño, así como o seu amigo J.B.C., da mesma idade e veciño de Pazos de Borbén, viaxaban nunha moto que chocou cun Mercedes que circulaba en dirección contraria. A consecuencia do impacto o condutor da moto faleceu. O condutor do turismo, M.A.L, de 71 anos, e o mozo ferido foron evacuados ao Hospital Xeral. O sinistro de tráfico tivo lugar sobre as 20.53 horas do sábado, segundo os datos facilitados polo 061. Urxencias Sanitarias desprazou ao lugar do accidente unha ambulancia medicalizada, outra asistencial e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Redondela. A Garda Civil investiga cal dos dous vehículos invadiu o carril contrario. O mozo falecido será soterrado esta tarde no cemiterio municipal de Mañó, a onde será conducido desde o tanatorio ás 17.00 horas. Ás 18.30 celebraranse os funerais na igrexa parroquial de San Pedro de Cesantes.