A programación do verán cultural do Concello de Redondela ofrece este mércores unha interesante cita coa música de Odaiko Percusión, unha formación que mistura diferentes instrumentos e tradicións musicais de todo o planeta. Neste concerto porán en escena o seu espectáculo “Galician on Board”. A cita é as 22.30 horas na Praza da Casa da Torre.
A idea de Galician on Board é facer unha viaxe no tempo trasladándonos ao s. XIX e representar o profundo cambio que se produciu en Galicia ata os nosos días. Conceptos como labrego, folclore, emigración, industrialización, etc, están presentes ao longo do show nunha viaxe músico-percusiva tratada dun xeito vangardista. Odaiko ofrécenos un crisol de ideas musicais onde os ritmos de culturas alleas como o latin, o flamenco, o brasileiro ou o africano se misturan coas innovacións técnicas percusivas e o folklore galego para representar un pasado que da resposta ao noso presente. Para este espectáculo contan coa colaboración da voz de Xiana Lastra.