A vila dos viadutos acolleu onte o paso da última etapa da aventura de Gerardo Fernández, o mozo vigués xordo-cego que o pasado día 14 comezaba unha volta ciclista de case 400 quilómetros na localidade de Pazos de Borbén, percorrido que remataba onte en Moaña. Un dos tramos desta última xornada pasou por Redondela, onde o Concello preparou unha recepción na que participaron o alcalde, Javier Bas, e varios concelleiros.
Gerardo realizou esta aventura con outros tres amigos (Maxi, Angelito e Nico) que padecen parálise cerebral.
O Camiño Portugués de Yessica
Tamén o pasado xoves iniciou a súa segunda etapa desde Redondela Yessica Martínez, que tamén foi recibida polo rexedor local e varios concelleiros. Bas animou á súa familia a seguir con este tipo de campañas que axudan a dar a coñecer a situación de nenos que padecen enfermidades “raras” como é o caso de Yessica, que padece unha doenza neurodexenerativa aínda sen diagnosticar. Yessica rematou o Camiño Portugués o domingo.