O lume declarado o domingo na parroquia ponteareá de Pías foi controlado onte luns. O incendio, que arrasou preto de 32 hectáreas, iniciouse nas inmediacións da zona coñecida como “estrada de Pazos” e propagouse rapidamente. As primeiras lapas detectáronse á beira da estrada, o que evidenciaría que a causa do incendio podería ser unha cabicha acesa arroxada desde un coche.
A calor e o vento encargáronse de propagar as lapas con rapidez. Nunha escasa marxe de 10 minutos, tempo transcorrido desde que os bombeiros recibiran a alerta ata que chegaron ó lugar do incendio, o lume xa gañara moito terreo impulsado polos refachos de aire. Foi o retén de bombeiros de Ponteareas o que controlou inicialmente o incendio forestal ata que chegaron reforzos e medios aéreos (6 axentes forestais, 9 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 1 helicóptero e 3 avións). Malia a aparatosidade das lapas e a existencia de dúas vivendas próximas á zona afectada, non foi necesario evacuar a ningún veciño. Os bombeiros tiveron que establecer un perímetro de setguridade ao redor da empresa de fertilizantes Ecocelta, situada nas inmediacións do incendio, que se converteu en obxectivo prioritario porque podería converterse nunha auténtica “polvoreira” segundo apuntaron os propios bombeiros. A última hora de onte a consellería de Medio Rural concretaba que o lume se iniciou ás 20.06 horas da tarde do domingo e que quedou controlado ás 5.57 horas da mañá de onte luns, tras arrasar 32 hectáreas, 7 de arboredo e 25 de monte raso.