Esta baixada nas cotas de ensinanza musical é posible grazas a un convenio acadado coa Banda de Música de Chapela. Segundo o acordo, a agrupación cederá parte dos seus ingresos por actuacións para subvencionar os estudos dos alumnos da escola. Deste xeito o prezo dos cursos será de 25 euros mensuais. A matrícula está aberta ata o 30 de agosto.
A Escola de Música de Chapela leva 22 anos fomentando a música na parroquia, e foi a impulsora da creación da Banda de Música de Chapela que este ano cumpriu a súa maioría de idade. Este acordo de colaboración vense a sumar a moitos outros realizados entre a Escola de Música e a Banda de Chapela, co principal obxectivo de fomentar a música. Nesta ocasión, conscientes da crise existente, pretenden conseguir que os prezos non sexan un impedimento para que calquera persoa que o desexe poida estudar Música. Neste centro, que conta cunhas renovadas instalacións nos baixos do pavillón de Chapela, imparten clases de instrumento en 20 modalidades diferentes. Tamén contan con Ludoteca Musical para nenos a partires de 2 anos, Música e Movemento para alumnos de 3 a 5 anos, aulas de Ensinanzas Musicais para Adultos, aprendizaxe para afeccionados así como formación para futuros profesionais. As clases comezan o 11 de setembro. Para calquera información sobre a Escola de Música poden dirixirse ao teléfono 636.124.635 ou ao enderezo electrónico escolademusicadechapela@hotmail.com.