O paseo arqueolóxico será mañá venres, 23 de agosto, ás 21:30 horas desde a Casa Cultural de Amoedo, da man do arqueólogo e divulgador Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudios Miñoranos. El será o encargado de darlle a coñecer a todos os participantes a arte rupestre máis representativa da parroquia de Amoedo, en Pazos de Borbén.
A actividade comezará na propia Casa Cultural de Amoedo, na que Vilar disertará sobre arqueoloxía e patrimonio galego antes de saír de ruta pola recentemente creada “Senda Arqueolóxica de Amoedo”. Os organizadores animan ao público de todas as idades a participan nesta xornada de lecer para coñecer a riqueza patrimonial do país. Ao tratarse dun percorrido nocturno tamén recomendan levar unha lanterna e algo de abrigo “por se refresca”. En todo caso a senda pode ser visitada a calquera hora por todos aqueles que así o desexen. Trátase dun percorrido que, no caso de deterse en todos os petroglifos e mámoas que o compoñen, pode levar varias horas. Tamén hai un foxo do lobo, pero nestes momentos non se atopa en condicións de ser visitado xa que a senda, nalgúns tramos, aínda se atopa en fase de construción.