Máis de 40 obras de arte feitas con material de refugallo están expostas polas rúas e prazas de Redondela desde o pasado luns. Este fin de semana continúa a programación paralela dentro do Artelixo 2013. O sábado día 31 a partir das 20.00 horas celebran o Mercalixo, e ás 22.00 horas o concerto de O Leo Arremecaghoná. O domingo será a quenda do Videolixo.
A Alameda será o escenario do mercado de troco ou venda, co que os organizadores agardan poder dar “unha segunda oportunidade” aos obxectos e materiais que xa non se utilizan por parte dos seus donos. A xornada acabará co Concertolixo. O domingo os traballos audiovisuais serán os protagonistas na contorna do Palco da Música da Alameda. Haberá proxeccións desde as 18.00 horas cunha película para o público infantil, Hulk. Ás 20.00 horas, tamén no palco, proxéctase “Exit Through the gift shop” unha película dirixida polo artista de rúa británico Banksy. Ás 22.00 comezará a mostra de curtas e vídeos caseiros, todos xiran ao redor dunha aberta definición do concepto de lixo e a cultura “trash”. Primeiro poderán verse as curtas producidas por xente da vila: “Estudio sociológico”, Noite Fernández, “Reutiliza”, Susi e Nancho, “Tanto plástico tanto carallo”, persoas maiores do Centro de Día Arela e “Alvedosa”, Vanderlux. Logo proxectarase a sección con curtas chegadas de fóra, tanto doutras comunidades españolas como internacionais, con traballos de Bélxica, EEUU, Xapón, Rusia. Para rematar proxéctase a “Sección Golfa”, para maiores de 18 anos, “con curtas máis punkies, extremas e tamén exemplares de serie z”.