Na madrugada de hoxe dábase por controlado un incendio forestal que afectou aos concellos de Pontecaldelas e Soutomaior e que segundo as estimacións da Medio Rural tería calcinado arredor de 30 hectáreas. O fume do incendio que se iniciaba ás 21:18 horas de onte domingo podíase ver dende diferentes puntos da provincia e é o sexto que afecta a este municipio en tan só un mes.
Na mañá de hoxe os axentes forestais continuaban na zona para arrefriar o lugar e evitar que o lume de reactivase. Así o explicaba o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, quen recoñecía que a importante fumareda provocada polo incendio facía temer o peor xa que o lume se achegou perigosamente ás casas, sobre todo na parroquia de Silvoso en Pontecaldelas propagándose rapidamente ao concello veciño. A rápida actuación dos traballadores antiincendios fixo posible que o lume quedara definitivamente controlado ás 5:45 horas desta madrugada. Segundo estimacións da Consellería a superficie afectada é de arredor de 30 hectáreas e nos traballos de extinción participaron 5 axentes forestais, 11 brigadas, 8 motobombas e 1 pala. Agustín Reguera denuncia a intencionalidade que se agocha detrás dos lumes que de xeito reiterado afectan ao concello de Soutomaior “moitos dos cales se inician de madrugada e en zonas de difícil acceso”. Pór este motivo, fai un chamamento aos veciños para que denuncien no caso de saber das actuacións dos incendiarios e alerta da necesidade de que a sociedade se conciencie para poder acabar con esta lacra que nos afecta a todos. Non foi este o único incendio na comarca xa que tamén onte domingo minutos antes das cinco da tarde declarábase un incendio na parroquia de Pazos, en Pazos de Borbén que quedaba controlado unha hora despois calcinando 0,7 hectáreas. Ao lugar desprazáronse dous axentes, cinco brigadas, tres motobombas, una pá, tres helicópteros e un avión.